Pablo Nogueira. Fotografía: Jose Antonio MIGUELEZ
A tempada non para, proba disto son os innumerables campionatos que se desenvolven cada fin de semana. Nesta ocasión puidemos gozar do mellor atletismo Sub18 baixo teito na pista cuberta de Valencia, onde o grupo celta atletismo estivo representado grazas a 3 atletas.
Encabezando a expedición puidemos ver á nova promesa céltica Carlota Salgado García quen se proclamaría subcampioa de España de Pentatlón cunha marca de 3504 puntos, o que a coloca 35º na clasificación mundial; así narraba a xornada o seu adestrador, o excéltico David Gómez: “Hoxe foi un día repleto de emocións no Campionato de España Sub18 de pista cuberta. Tras unha boa carreira nos 60 mv igualando a súa marca persoal con 9.14 s, houbo unha desfeita no salto de altura con 1.55m e Carlota tivo que recompoñerse para poder pelexar as seguintes batallas da combinada».
Lanzou o peso ata os 11.13m, a tan só 5cm da súa marca persoal. Para despois lograr marca persoal en salto de lonxitude con 5.35m e rematar os 800ml con marca persoal de 2.30:72s.
Todo isto para sumar 3504 puntos, o que supón unha medalla de prata e unha mellor marca persoal no Pentathlon e colocarse 35ª na clasificación mundial.
Na pista valenciana, tamén puidemos ver competir á nosa saltadora de pértega Lisa Vosberg, quen levaría a casa un 7º posto grazas a un salto de 3.32m.
Pola súa banda, Adriana Rial conseguiría clasificarse á semifinal, nas series dos 60m valados, cun tempo de 9.11s; tempo que non melloraría na semi conseguindo un rexistro de 9.15.
Estas estupendas actuacións pechan a tempada de pista cuberta para os nosos atletas Sub18, quen xa se preparan para afrontar a tempada de aire libre.