Pablo Nogueira. Foto: Agustín Juncal
A tempada invernal encara a súa recta final, e o froito dos adestramentos acumulado durante estes últimos meses empeza a mostrarse.
O pasado sábado puidemos ver aos nosos lanzadores competir no “XI Campionato Xunta de Galicia de Inverno Absoluto de Lanzamentos Longos” onde podemos destacar diversas actuacións que serviron para aumentar o medalleiro céltico cun total de 6 medallas.
A primeira destas medallas viría da man de Miguel Ángel Granado, que cun lanzamento de 43.52m conseguiría un terceiro posto no lanzamento de disco. Apenas unha hora máis tarde, sería a céltica Paula Piñón Sureda quen conseguiría outro bronce no lanzamento de disco cunha marca de 35.93m.
No lanzamento de martelo, o triunfo céltico viría da man de Yago Araújo Rodríguez e o seu compañeiro de adestramento Eric Méndez Seijo, que con 60.49m e 53.28m conseguirían a 2ª e 3ª posición, respectivamente.
No lanzamento de xavelina feminino, de novo, Paula Piñón Sureda subiría ao terceiro caixón do pódium cunha marca de 41.59m, mentres que o seu compañeiro Daniel Mato Gómez faría o mesmo na clasificación masculina cun lanzamento de 54.66m. A participación céltica pecharíaa Pablo Nogueira González cun sétimo posto na mesma proba.
Paralelamente á celebración deste campionato, na pista cuberta de Expourense, puidemos ver aos nosos “combineros” competir no “Campionato Xunta de Galicia de Probas Combinadas Absoluto e Sub23”.
A participación céltica conformaríana Adolfo Sainz-Maza Villar, quen se impoñería cunha marca de 5.125 puntos, e Alicia Merino quen levaría un terceiro posto grazas aos seus 3.451 puntos.
Neste mesmo campionato, puidemos ver á nova promesa Carlota Salgado que acabaría a súa participación cun total de 3.413 puntos, colocándose 2ª na clasificación nacional da tempada.
Pero esta fin de semana chea de éxitos, non terminaría aquí, xa que grazas á participación de numerosos célticos en diferentes controis de marca, puidemos ver como o noso atleta Pedro Vázquez cunha marca de 8:10.61 pulverizaba o crono nos 3.000 metros conseguindo situarse líder da clasificación nacional Sub20, así como a mínima internacional da súa categoría.
Pero o broche de ouro destas actuacións vería da man da nosa saltadora Lisa Vosberg, quen con 3.55m acadaría un novo Récord Galego Sub18 e obtendo o posto de líder nacional.