O NOSO SECTOR DE SALTOS E VELOCIDADE PROTAGONISTA NO NACIONAL SUB23

· Uxía Paz.

Unha velocista e tres saltadores fóronse ata as Pistas de Atletismo Velódromo Luis Puig en Valencia para competir no Campionato de España Sub23 en Pista Cuberta.

Pola parte de Andrea Pais, despois dunha lesión no pé que lle complicou a tempada, clasificouse para a final dos 200ml cun tempo de 25.40s. Finalmente, a nosa velocista quedaba na 7ª posición cun tempo de 25.44s, moi preto da súa MMP.

Tamén no 7° posto terminaron os nosos triplistas. Uxía Paz comezaba cun salto de 11’57m, sendo este o máis longo e MMP en Pista Cuberta. Uxía segue reflexando o seu esforzo e mellorando case en cada competición os seus rexistros, aproximándose así cada vez máis a barreira dos 12m. Dos pés de Pablo Saá saíron 13’85m, sendo nulos catro dos demáis saltos. Tras arriesgar saltando da tabla de 13m e chegando cunha gran motivación ao tartán, non foi a súa mellor competición, a pesar disto o céltico mira xa cara diante enfoncando a mirada ó aire libre.

Pola banda de Sergio Coello, o noso representante céltico na proba do salto de lonxitude, rematou na 8ª posición cun salto de 6’53m, non rematando satisfeito coa súa actuación. Xa acomodado na nosa familia, continúa a súa carreira como céltico.

Parabéns os catro e, por suposto a Alberto Salgado, responsable do Sector de Saltos e Velocidade do Clube, sen dúbida o gran artífice da progresión dos nosxs saltadores e velocistas.

Ademáis do Nacional Sub23, foi unha fin de semana con moitos frentes abertos. Numerosxs célticxs viaxaron fóra de Galicia en busca de rexistros e novos logros.

No sector de marcha, Andrés González foi seleccionado para o Campionato de España de Federacións Sub16 celebrado en Sevilla, onde terminou no 14° posto cun tempo de 25’33». José Fernández Nieves tamén competiu na cidade hispalense, fixoo no Campionato de España en Ruta Máster, acadando nos 20km unha nova prata para a súa colección.

Pola súa banda, Alice Finot que está a un nivel estratosférico, desplazouse ata Mónaco para competir nun 5K en ruta facendo un tempo de 15’52» e finalizando na 3ª posición por diante de atletas de categoría internacional. Nestes momentos, Alice xa está na axenda dos grandes organizadores e «managers» de eventos internacionais, non poidemos estar máis felices por ela.

Víctor Mosteiro e Javier García «Chichu» viaxaron ata Oviedo para competir nos 60ml. Víctor facía MMP cun rexistro de 7.05s mentres que «Chichu» paraba o «crono» en 6.89s, resistíndoselle unha vez máis o Récord Galego de Pablo Comendador. Tamén se desplazaron Martín Melón e Alicia Merino ata as Pistas Gallur, en Madrid. Martín fixo 7.33s na proba de 60ml e Alicia Merino participou no 60m vallas, proba que non puido terminar xa que caeu na segunda valla, esperamos que as molestias posteriores non sexan nada importante, moito ánimo Alicia.

No sector de lanzamentos, Eric Méndez competiu no lanzamento de martelo no Control RFEA de Lanzamentos en León chegando ata os 57’08m. Mentres, Paula Piñón lanzou a xavelina ata os 38’99m nas pistas de Oviedo. Nese mesmo Control, Jorge Castaño non tivo moita sorte desta vez, xa que marcou seis nulos no lanzamento martelo.

¡Noraboa a todxs, agradecemos o voso esforzo e motivacións constantes nesta nova realidade!