GRANDES MARCAS NUN MES DE AGOSTO ATÍPICO.

Unha nova semana de movemento competitivo nas nosas filas. Contamos con actuación céltica no «Control curt estiu Menorca» en Maó, «Meeting Termal Athletics«, no «Control RFEA de Lanzamentos» no CEARD León, e en «Saltar na Rúa» en Pontevedra.

O mércores 19 competiu José Fernández “Fosé” no control de probas en Maó, Menorca. Demostrou o seu bo estado de forma cruzando a liña de meta no 3.000 marcha en pista nun tempo de 13:15.94.

Este venres disputouse o “Meeting Termal Athletics” en Ourense, con boa participación céltica. Cabe destacar a actuación do actual campión nacional de Portugal en combinadas Abdel Kader que se impuxo na altura saltando o listón a 2 metros e correu tamén os 100ml, parando o crono en 11.15s. A heptatleta Eva Queimaño volveu á competición trala pandemia neste meeting deixando boas sensacións acadando un segundo posto para Eva Queimaño no salto de altura, cunha marca de 1.57 m. Na velocidade, Andrea Pais continúa mellorando os seus rexistros en cada competición, esta vez no 200ml con 25.99s, e nos 100ml con 12.62s. Tamén mellora rexistros no hectómetro nesta tempada Erik Fernández cun tempo de 11.54s. Lara López e Paula Del Alcázar estreáronse nos 400 metros nesta nova normalidade, cruzando a liña de meta en 1:01.55 e 1:09.10, respectivamente. Na mesma proba, no apartado masculino, os pupilos de Francisco Rodríguez, Jorge Román e Xosé Fernández lograban unhas marcas de 50.27s e 52.97s, respectivamente. Por último, nas dúas voltas a pista, a mellor céltica foi Ruth Carrera cunha marca de 2:21.35, demostrando así o seu gran estado de forma.

Foto: La Región.

 

O sábado, no Centro de Alto Rendimento de León tivo lugar un «Control de Lanzamentos» da RFEA ao que asistiron Yago Araújo, Eric Méndez e Marcos Bouza, célticos da “Factoría Hermida”. Yago continúa coa súa gran progresión no lanzamento de martelo, logrando unha nova MMP cun lanzamento de 68.75m co martelo de 6kg. Eric, na categoría sub18, chegaría ata os 63.34m co martelo de 5kg. Pola súa banda, Marcos demostraría o seu bo estado de forma tralo confinamento lanzando o disco de 1.75kg ata os 47.49m, moi preto da súa MMP que conseguira o primeiro fin de semana de agosto.

Por último, contamos con presenza de atletas célticos na exhibición «Saltar na Rúa» organizada o sábado pola SGP. Este evento achega ás rúas as disciplinas de salto con pértega, salto de lonxitude e triplo salto, xa que tivo como escenario a nova ponte peonil Ponte do Burgo. Na pértega, contamos unha vez máis coa nosa Bea Viteri, quen daría moi boas sensacións saltando a goma colocada a 3.80m. Alicia Merino, tamén veterana na exhibición, fixo unha gran actuación no salto de lonxitude, chegando ata os 5.35m. Pola parte masculina, contamos con Miguel Cajaraville na pértega, que saltou con carreira curta e deu moi boas sensacións; e con Pablo Saá no triplo salto, que chegaría moi cómodo ata os 13.58m. Tódolos célticos destacaron o gran ambiente que se respiraba na exhibición, o que se traduciu en magníficas sensacións competitivas.