Festival de Campionatos Galegos esta fin de semana.

Volve un fin de semana de moitas competicións, na que celebraranse un total de catro Campionatos Galegos en diferentes categorías, atletismo do bo en grandes cantidades.

En primeiro lugar, o sábado no Palacio dos Deportes de Riazor  (A Coruña) disputarase o Campionato de Galicia Cadete baixo teito, onde a Escola Celta Atletismo participará cun total de oito atletas. Estaremos moi atentos a actuación dos nosos cadetes. Paralelamente, terá lugar o mesmo sábado e na mesma pista, o Campionato de Galicia Xuvenil de 1500m – 3000m indoor. Ruth Carrera será a nosa única representante, competindo nos 1500m femininos.

Outra cita importante, será o Campionato de Galicia de Probas Combinadas Absoluto que celebrarase entre sábado e domingo en Lugo. De novo a cidade amurallada será o epicentro galego das combinadas (e xa van unhas cantas veces, menos mal que sempre nos quedará Lugo e a súa fantástica Delegación). En categoría feminina, as nosas representantes serán Eva Queimaño, Karolina Puchmertlova, Itsaso Fernández e Olaya Abril. En homes, Adolfo Sáinz-Maza volverá a loitar polo título galego contra os homes da S.G.P.

Na mañá do domingo, Riazor volve a acoller outra cita atlética. Será o turno para a Fase Final da V Liga Escolar Federada Abanca. A nosa Escola, despóis dunha fenomenal fase previa, logrou clasificar tres equipos para esta fase final. Os nosos competirán en categoría Alevín Feminino, Alevín Masculino e Infantil Masculino, o que supón outro éxito para os nosos pequenos. Seguro que o pasarán en grande.

Tamén na mañá do domingo, Ribadavia será o último escenario onde se celebrará outro campionato autonómico. Neste caso será o turno para os mellores especialistas de campo a través. Os célticos partipantes no XCII Campionato de Galicia de Campo a Través, serán Celia Pérez, Alice Finot, Aida Martínez e Noa Costas en mulleres e, en categoría masculina, Luis del Río, Pablo Vicente, Francisco Rodríguez e Ahmed Anadi intentarán acadar os mellores resultados nunha especialidade na que os nosos non parten coma favoritos.

¡Moita sorte a todos, esperamos o mellor de vós!