Comeza o mes de maio aínda coa resaca dos éxitos nas I Xornadas de Liga da semana pasada para dar paso a un dos períodos con máis probas do ano. Este é o menú para esta fin de semana de derbi galego:
- En Oleiros celébrase durante todo o sábado o segundo autonómico de clubes máis importante despois do que organizamos e gañamos hai 2 semanas. No Campionato Galego de Clubes sub20 e sub16 o Celta Atletismo participa de forma histórica xa que é a primeira vez que presenta equipos en tódalas categorías de homes e mulleres. Un novo paso adiante da nosa canteira que agardemos sexa confirmado subindo ó podium en máis dunha ocasión. Destaca especialmente o equipo feminino sub20 con moitas atletas que xa son veteranas do equipo absoluto, tendo ademais aínda varios anos por diante para poder gañar o título xuntas.
Os equipos sub20 e sub18 no ano 2016 en Ferrol. - Como é tradicional nestadas datas, Vila Nova da Cerveira celebra o seu Meeting Internacional de Lanzamentos, unha proba de gran nivel deportivo -con equipos noutras edicións de todo Portugal, Francia ou Inglaterra- pero de forte carácter festivo, convertindo as instalacións do INATEL á beira do Miño no punto de encontro de lanzadores galegos e portugueses. Alí estarán presentes varios lanzadores célticos competindo baixo os equipos de Vigo, Pontevedra e o Morrazo, como é habitual.
O equipo de Vigo dirixido por Jose Manuel Hermida no torneo de 2017. - Xa coñecemos as sedes da II Xornada de Liga do 19 de maio. As mulleres viaxarán a Alcorcón para confirmar esa plaza na Final do Ascenso na casa dunhas das favoritas, mentres que ós homes tócalle un desprazamento máis pesado a Gandía. Estas 2 semanas serán decisivas para poder confirmar os mellores equipos posibles.
- A nivel interno do clube, lembramos que hai un novo correo electrónico para xestionar as inscripcións tras os problemas técnicos desta semana. Trátase de inscripcionescelta@gmail.com e que seguirá xestionando Manuel Ageitos.
Desexarlle sorte ós equipos da nosa canteira en terras coruñesas nun dos Campionatos máis emocionantes da tempada para eles. A demostrar!!