Segunda avaliación da Escola Celta Atletismo: Sobresaínte.
Outra semana máis de volta, na que despedimos a tempada invernal e comezamos a recargar as pilas cara ao anel de 400 metros.
Comezamos o sábado na Coruña, no Campionato de Galicia de Pista Cuberta Benxamín, Alevín e Infantíl celebrado no Pazo dos Deportes de Riazor. Da cidade herculina os nosos «peques» trouxeron un botín de 11 preseas e, por riba de todo, pasaron un gran día de competición e convivencia con atletas de toda Galicia.
Aínda que nestas idades o máis importante é que desfruten e comecen a coñecer o noso deporte, o traballo que están a facer dende a Escola Celta Atletismo déixase ver con futuros velocistas, mediofondistas ou lanzadores.
A nosa Escola estivo de dez en Riazor.
Tamén o sábado, un viaxeiro Brais Prieto competía en Cataluña no Criterium de Marcha de Gavá, tomando parte do 5000m e facéndose coa vitoria cunha interesante marca de 22´55s o que lle supón MMP.
Lara Fernández no pasillo de pértiga en Antequera.
Rematamos o domingo en Antequera, no Campionato de España de Pista Cuberta Cadete, coa pertiguista Lara Fernández como única representante celeste. A nivel competitivo quedouse na segunda altura, pero de seguro que volve con máis experiencia e ganas de cara ao aire libre.
Grandes marcas, moitas medallas e moi boas sensacións foi o que nos deixou esta primeira parte da tempada. Os nosos xa están a mirar ao aire libre de reollo e nós non lles imos perder comba.