Pablo Nogueira.
O Comité Olímpico Español outorga a Placa Olímpica ao Mérito Deportivo ao Real Club Celta Atletismo
Nun día que quedará gravado para sempre na historia do club, o Real Club Celta Atletismo foi distinguido este mércores 28 de maio coa Placa Olímpica ao Mérito Deportivo por parte do Comité Olímpico Español (COE). Trátase dun dos recoñecementos máis prestixiosos do deporte nacional, reservado a aquelas entidades que deixaron unha pegada significativa na promoción e desenvolvemento do deporte olímpico en España.
Esta distinción, outorgada a proposta da Real Federación Española de Atletismo (RFEA), enmárcase dentro da conmemoración do centenario da fundación do club, un século de historia celeste construída a base de esforzo, valores e paixón polo atletismo. O acto tivo lugar durante a celebración da Asemblea Xeral do COE, na que ademais se ratificou a reelección de Alejandro Blanco como presidente do organismo olímpico.

En representación da entidade acudiron a recoller a distinción os presidentes de ambas as seccións do club: José Ángel Serantes, presidente do Real Club Celta de Atletismo, e Pedro Juncal, presidente do Club Atletismo Feminino Celta. Ambos recibiron a placa en nome de toda a gran familia celeste, visiblemente emocionados e orgullosos por este recoñecemento que simboliza o legado de xeracións de atletas, adestradores, directivos e colaboradores.
Esta Placa Olímpica pon en valor non só os éxitos deportivos do club, con atletas olímpicos e medallistas nacionais e internacionais ao longo da súa historia, senón tamén o traballo silencioso do día a día, a aposta pola canteira, a defensa dos valores do olimpismo e o compromiso co deporte como ferramenta de transformación social.
Un recoñecemento que nos impulsa a seguir soñando, adestrando e crecendo. Porque 100 anos despois, seguimos correndo xuntos.
