Pablo Nogueira
O 2023 pintaba como un ano prometedor para os equipos celestes, e a “XVIII Copa Xunta de Clubs en Pista Cuberta” foi testemuña destas boas premisas. Sobre o tartán da pista cuberta ourensá o Celta Atletismo dominou moitas dos eventos e carreiras celebradas consolidándose como o mellor club en categoría feminina, o segundo en categoría masculina e alzándose co primeiro posto na puntuación global, con 179,5 puntos, seguidos da sociedade gimnastica de Pontevedra, con 166.5 e o club atletismo Ourense 114 puntos.
O triunfo céltico por parte de Club Atletismo Feminino Celta veu dado por un resultado irresistible, 93 puntos que elevarían ás nosas ao alto do pódium, o cal compartirían coas mozas da sociedade gimnastica de Pontevedra (76) e as de Ria Ferrol-C. Arenal con 73 puntos.
Isto sería posible grazas aos primeiros postos de Andrea Pais Rodríguez nos 200m (25.55”), Lola Bouza Villar na pértega (3.57m), Aihnoa Reparaz Sánchez nos 60m (7.76”) ou o triunfo por parte de Ester Navarrete Santana nos 3.000ml quen se impoñería na proba cun rexistro de 9:23.20, volvendo vestir as cores do noso club despois de máis dun lustro defendendo os do Barcelona. En primeiro posto tamén acabarían as integrantes do relevo feminino (Carlota Salgado García, Daniela Castro Novoa, Lara López Fernández e Mariña Prieto González) quen pararían o cronómetro en 4:08.05.
Pola súa banda, a internacional de combinadas Carlota Salgado tamén se clasificaría en 2º posto no salto de altura, con 1.58. Mesmo posto conseguiría a portuguesa Marta A. Lisboeta Araujo, debutando co combinado céltico en salto de lonxitude cun rexistro de 5.47m. No lanzamento de peso, a xa experimentada Raquel Villa Carracelas faríase co 2º posto cun rexistro de 11.98m, do mesmo xeito que o farían nos 800m o faría Celia Castro Padín (2:18.31), ou no triplo salto Uxía Paz Alonso (11.78m) ou a francesa Zoe Michelle Odile Cardin nos 1.500m (4:40.14).
Pechando os pódiums femininos célticos estaría Lara López Fernández, quen, cun rexistro de 1:00.32 faríase co bronce no 400m.
No apartado masculino, os nosos subirían ao 2º caixón, con 86.5 puntos, a tan só 4 puntos da S.G. Pontevedra de División de honra. Os primeiros postos de Sergio Coello Berreco en Lonxitude (7.08m), Raúl Cortizo Bernárdez na altura (2.03m), Jorge Román Leirós nos 400m (48.85”), así como o do atleta internacional Roi Martínez Roque nos 200m (22.04”) serían clave para este resultado.
A presenza en pódium do celta atletismo tamén veu da man dos segundos postos de Miguel Ángel Selecto Gil, no lanzamento de peso (13.56m), Adolfo Sainz-maza Villar, nos 60mv, (8.43”), así como de Xoel Otero Nogueira, con 13.78m en triplo salto, ou Javier García Fernández 6.90” nos 60m.l. Un segundo posto tamén conseguiu o noso saltador de pértega Miguel Cajaraville Mosquera, quen, logo dun ano e 2 operacións, volveu voar sobre os 4.56m. As mellores clasificacións dos nosos completaríanas os mozos do relevo (Javier De la Fuente Manzano, Juan Nuñez Asenjo, Leo Rodríguez Sánchez e Jorge Román Leirós) quen chegarían en segunda posición con 3:28.15, e Hugo García Souto quen se clasificaría como 3º mellor tempo nos 1.500m cun rexistro de 3:55.65.
Sen dúbida atopámonos ante un prometedor e emocionante comezo de tempada que nos deixa cun moi bo sabor de boca e ganas de ver a evolución dos equipos celestes durante os próximos meses.


