Pablo Nogueira.
O pasado sábado 17 puidemos vivir nas pistas de atletismo de Balaídos unha xornada festiva onde 400 atletas, entre os 6 ata os 15 anos, puideron competir e gozar do atletismo e o seu lado mais solidario, grazas a unha chocolatada organizada desde o club e un pintacaras que animaría aos máis pequenos
O día parecía estar posto para o «VI Trofeo Solidario de Nadal Celta Atletismo«, tanto é así que ata a choiva daríalle un respiro á xornada, só presentándose a saudar durante unha hora. A xornada cualificaríase como éxito total, conseguindo recadar máis de 300 kg de comida non perecedoira a favor da asociación AFAN (Asociación Freijeiro – Ayuda al Necesitado. C/ Pastora, 44. Vigo).
Nesta ocasión puidemos ver a toda a comunidade comprometida coa causa, ningún quixo perderse a oportunidade de apoiar a iniciativa, clubs, federación e mesmo o concello, representando polo alcalde Abel Caballero e o concelleiro de deportes Manel Fernández, acudiron a esta edición. (Estes últimos entregarían as medallas aos Sub8).
Sen dúbida todo un éxito, grazas a todos os asistentes e colaboradores que fixeron posible a competición un ano máis!
