Pablo Nogueira.
Todo o traballo realizado nestes últimos meses por atletas e adestradores, moitas veces invisible, maniféstase nas competicións. Esta fin de semana puidemos ver os froitos dese arduo traballo en diferentes frontes.
Ata a localidade granadina de Motril desprazáronse 2 dos nosos atletas para competir no «XII Campionato de España de Lanzamentos Longos de Inverno». A lucense Paula Piñón Sureda defendería as nosas cores no lanzamento de xavelina feminino, conseguindo unha novena posición grazas a un rexistro de 40.08m. Pola súa banda, Yago Araújo Rodríguez, no lanzamento de martelo conseguiría ser finalista da proba grazas aos 59.95m lanzados que lle outorgarían a oitava praza.
Paralelamente á celebración deste campionato, pero esta vez na pista cuberta de Salamanca, puidemos gozar do «XXXVI Campionato de España Sub23 en Pista Cuberta». Nesta ocasión puidemos ver a 6 célticos competir. Sergio Coello, quen se prepara para o Campionato Absoluto desta fin de semana, conseguiría unha 6ª praza no salto de lonxitude grazas a un salto de 7.11m. Sergio estaría acompañado nesta proba de Raúl Cortizo, quen lograría saltar 6.93m na proba posicionándose como o 10º mellor atleta español Sub23 nesta proba. No salto de altura, Raúl volvería competir, conseguindo superar o listón no seu mellor intento en 1.90m, altura que lle levaría a ocupar a 16º praza do concurso. Pola súa banda, o noso lanzador Miguel Ángel Granado clasificaríase como 5º no lanzamento de peso cun mellor rexistro de 15.09m. Nos 1500 m femininos veriamos correr a dous atletas célticas, Elena Costas, que cun tempo de 4:57.14 entraría 7ª na semifinal 1, e Ruth Carrera, a cal, grazas a unha estupenda semifinal (4:48.56) faríase cunha das prezadas prazas de finalista. Na final, puidemos ver á pupila de Francisco Rodríguez correr o 1.500m en 4:55.98, conseguindo unha 9ª praza. Tamén á final, pero esta vez nos 200 m, conseguiría chegar o noso velocista Víctor Mosteiro. Tras unha eliminatoria en 21.97s, unha semifinal na mesma marca (21.97s), correría a final en 22.05s outorgándolle a 9ª praza.
Na nosa comunidade tamén puidemos gozar dunha intensa actividade atlética, a que se celebrarían o «LXV Campionato Xunta de Galicia Sub18» o «XLV Campionato Xunta de Galicia Sub20» mailo «Xogade – Campo a través – Campionato de Galicia 2022».
Neste último, o Celta na categoría Infantil Feminina, o equipo composto por Olivia Gutiérrez, Violeta Domínguez, Iria López, Natalia González, Marta Ferreiroa e Lelena Pérez conseguirían a 6ª praza.
No «LXV Campionato Xunta de Galicia Sub18» puidemos ver o celeste no pódium da man de Lucas Rodriguez, ouro nos 60m, Adriana Rial e Carlota Salgado, ouro e prata, respectivamente nos 60m valos. Lisa Vosberg, ouro no salto con pértega, Adriana Rial, ouro no triplo salto e Carlota Salgado, bronce no lanzamento de peso.
No «XLV Campionato Xunta de Galicia Sub20» o Celta Atletismo conseguiría un total de 13 metais. Nos 200m o Celta reinaría grazas a un ouro de Jorge Román e unha prata de Roi Martínez. Na dobre volta á pista, os 400m o céltico Jorge Román repetiría vitoria e subiría acompañado de Biruk González quen conseguiría o bronce na mesma proba. Nos 800 a presenza céltica estaría asegurada grazas á prata de Hugo Suárez, na proba masculina, e o bronce de Clara Román na proba feminina.
Un dos momentos do campionato viviriámolo na final dos 3.000 m onde presenciariamos un pódium céltico o completo; Hugo García, ouro, subiría acompañado de Hugo Suárez, quen repetiría posición e de Mario Rodríguez quen completaría cun bronce o pleno.
Nos concursos tamén puidemos ver a cor celeste no pódium, nesta ocasión sería o lanzador de martelo Éric Méndez quen se colgaría a prata no lanzamento de peso, prata que tamén obtería Ariadna Moreiras, na altura feminina, e Aldara Cornes na lonxitude.