MOI BOA ACTUACIÓN DOS SUB23 E OS MÁSTER NOS NACIONAIS

· Pablo Nogueira. 

Esta fin de semana puidemos gozar de diferentes campionatos repartidos por toda a xeografía española, nos que moitos d@s nos@s atletas, dende a Escola ata os atletas Máster, estiveron presentes.

Os nosos Sub23 desprazáronse ata a cidade malagueña de Nerja onde puideron disputar o  «XXXVI Campionato de España Sub23″. A mellor actuación, foi do noso lanzador de martelo Yago Araújo quen conseguiría ser 4º cun mellor lanzamento de 60.73m e moi cerquiña do bronce. A nosa velocista Andrea Pais loitaría contra o vento presente, competindo nos 100ml e quedando fora da final cun rexistro ventoso de 12.18s. Tamén participou nos 200m, sendo 7ª na final cun rexistro 25.05s. Pola súa banda, o velocista santiagués Víctor Mosteiro, dobraría tamén participación nos 100 ml (10.90s, +1.7) e nos 200 ml onde, a pesar de mellorar a súa marca persoal e parar o crono en 21.64s , quedaría ás portas da final conseguindo un 9º posto. Outras tres célticas competiron en Málaga, a triplista Uxía Paz obtería un 7º posto cun mellor salto de 11.88m e Elena Costas e Ruth Carrera correrían os 1500m, conseguindo uns rexistros de 4:59 e 4:49.46s, sendo este último un novo récord persoal de Ruth, conseguindo rebaixar a ansiada barreira dos 4:50.

Tamén en Málaga puidemos ver o azul celeste encima do tartán, neste caso da man dos nosos atletas Máster no «Campionato de España Máster o Aire Libre». Miguel Gómez proclamaríase dúas veces campión, nos 100m M35 cun tempo de 11.30s e nos 200ml cun rexistro de 22.49s. Pola súa parte, Fernando Paredes “Tricky”, acadaría o primeiro posto no lanzamento de peso M45 conseguindo lanzar os 7,26kg ata os 13.36m. José Fernández demostraría o seu bo estado de forma, acadando cunha marca de 22:37.66s a medalla de prata nos 5000m marcha M40.

Xa a nivel autonómico, as pistas do centro Galego de Tecnificación deportiva de Pontevedra, albergarían o «Campionato Xunta de Galicia Sub20″. A xornada estivo marcada polos numerosos pódiums célticos, onde destacamos a actuación do pupilo de Alberto Salgado, Roi Martínez quen se impoñería nos 100ml e 200ml cuns rexistros de 11.05s e 22.67s; ou a de Lara López nos 200ml, quen pararía o cronómetro en 26.93s outorgándolle a prata. Manuel Rodríguez pola súa banda, chegaría á meta dos 110mv en terceira posición, sumando unha nova medalla ao rexistro céltico.

Nos 400ml, sería Jorge Román quen pararía primeiro o crono en 49.03s, por diante do seu compañeiro de equipo David Ngwudile quen conseguiría a segunda praza cun rexistro de 49.15s.

Hugo García conseguiría subir dúas veces ao pódium, cunha prata nos 800m cun tempo de 1:59.13s e un bronce nos 1500m que lle acreditan como un dos mellores medio-fondistas galegos da categoría. Hugo Suárez e Alex Goberna, pararían o cronómetro nos 3.000m obstáculos en 10:04.23s e 10:12.81s sumando dúas novas medallas, ouro e prata respectivamente.

No sector de lanzamentos, a participación céltica estaría representada por Miguel A. Granados, Paula Piñón e María Pena. As lanzadoras de xavelina, grazas a uns lanzamentos de 42.27m e 41.69m,  respectivamente, alzaríanse co ouro e a prata. Pola súa banda, o pupilo de Jose Manuel Hermida, Miguel A. Granados conseguiría dous ouros grazas a un dóbrete nas probas de lanzamento de peso e de disco con 16.17m e 49.04 m respectivamente.

Finalmente, foi en Noia onde un total de 21 d@s nos@s atletas Sub10 e Sub12 disputaron o seu Campionato Galego, conseguindo 2 ouros (Olivia Gutiérrez, 500m Sub12; Irene Méndez, 2000 marcha Sub12), 1 prata (Olivia  Gutiérrez, lonxitude Sub12) e 3 bronces (Ángela Neissa, 500m Sub10; Inés Muradas, altura Sub10; Alicia Alem, pelota Sub10) e unha infinidade de mellores marcas persoais.

¡Parabéns rapaces e rapazas!