UN EXITOSO CAMBIO XERACIONAL

· Uxía Paz.

Esta fin de semana, desprazámonos ata o Estadio Calabagueiros en O Barco de Valdeorras onde se disputou o “XXXII Campionato Xunta de Galicia de Clubs”.

Case ano e medio despois, volvemos saír á pista nun autonómico de clubs. Aínda que isto non foi problema para @s céltic@s, que unha vez máis, competiron ata botar a derradeira gota de suor e loitar por subir ata o máis alto do podio.

Remontándonos ata a última edición deste mesmo campionato realizado no ano 2019, tanto as mulleres como os homes acadaran o segundo posto. Nesta edición, demostraron o seu crecemento e potencial, con dos dous equipos que luciron con moita xente xoven e canteiráns. Rapaces e rapazas que comezaron a súa vida atlética na Escola Celta Atletismo e que seguen crecendo con luz propia coma celestes, formando parte xa dos nosos equipos absolutos.

Na competición feminina as nosas proclamáronse Campionas Galegas con 110,5 puntos, acadando catro primeiros postos. Ainhoa Reparaz nos 100m, Andrea Pais nos 200m, María Carballido nos 800m e Paula Piñón no concurso de disco. Ademáis, tres segundas posicións de Mar Chillón na marcha, Uxía Paz no triple salto e Raquel Villa no lanzamento de peso. Destacar tamén a participación de dúas atletas da canteira que se estreaban nun campionato de clubs absoluto. Martina Gutiérrez, sería a primeira delas en saír á pista no salto de altura, onde faría MMP cuns magníficos 1,51m e rematando na 4ª posición. Acompañando a Martina estivo Valeria González, que participaría no salto con pértega facendo unha estupenda MMP (2,60m) sendo 4º tamén. Foi unha vitoria moi traballada e celebrada con moita alegría por parte das nosas, e non era para menos, xa que volvían proclamarse como o mellor club feminino de Galicia.

Pola súa banda, os homes volverían ser subcampions de Galicia con 118 puntos por detrás da S.G. Pontevedra. Os nosos tiveron, unha participación impecable, contando cinco primeiras posicións. Javier García “Chichu” nos 100m, Pedro Juncal nos 400m, Gonzalo Basconcelo nos 3000m obstáculos, Miguel Cajaraville no salto con pértega e Yago Araújo no lanzamento de martelo. Ademais, e ao igual que as mulleres, houbo tamén tres segundos postos, Jorge Román nos 200m, José Fernández Nieves na marcha e Fernando Paredes “Triki” no lanzamento de peso. Cada ano que pasa, o noso equipo masculino segue loitando man a man contra a S.G.P polo cetros galegos nas competicións de clubs. Nos últimos anos, a vitoria segue indo para a cidade do Lérez aínda que ollo, cada vez a distancia e menor e os nosos rapaces seguen coa mesma ambición de ser os mellores de Galicia. Segue a loita.