FARTURA DE CAMPIONATOS

· Uxía Paz. 

Despois das restriccións fixadas ata o día 19 de febreiro, onde se cancelaban todas as competicións debido a Pandemia, o calendario galego volvía a poñerse en marcha esta fin de semana. Ademáis, tamén terían lugar dous campionatos nacionais nos cales houbo unha boa actuación d@s nos@s.

«XI Campionato de España de Lanzamentos Largos de Inverno»

O sábado celebrábase nas pistas de atletismo de Montijo o nacional de lanzamentos en Badajoz. O lanzador de martelo Yago Araújo, desprazábase ata o municipio extremeño onde remataría na 7ª posición con 58,27m, sendo esta a súa primeira actuación da tempada. Yago non logrou redondear a cifra, pero remataba o seu concurso con uniformidade nos seus rexistros e preto da súa mellor marca co martelo de 7,260kg.

«Campionato de España de Campo a Través Individual e de Federacións»

Por outra banda, Elena Costas e Hugo García, formaron parte da Selección Galega que se desplazou a Getafe para competir no Camionato de España de Cross tanto individual como de Federacións. Hugo remataría no posto 63º e cun tempo de 29:23 na categoría Sub20. Pola súa banda, Elena rematou no 48º na categoría sub23, non conforme co resultado pero contenta por como se defendeu neses 10km.

«Campionato de Galicia de Inverno de Lanzamentos de Menores»

En Pontevedra, un dos campionatos a celebrar nas Pistas de Atletismo do CGTD foi o galego de lanzamentos, onde a nosa canteira tivo unha gran actuación. Samuel Freiría, sería prata no lanzamento de disco (1,5kg) na categoría sub18. Laura Souto concursaría no lanzamento de xavelina (500kg) facéndose co bronce na categoría Sub16.

«Campionato de Galicia de 400m – 800m – 1500m Sub23 e Sub20»

Outro campionato que tivo lugar no CGTD esta fin de semana foi o autonómico de medio fondo que tivo que facerse ó aire libre por Protocolo Sanitario. Foron dous ouros, dúas pratas e un bronce os metais acadados pol@s nos@s.

Na categoría Sub20 masculina, David Ngwudile e Jorge Román liderarían a proba dos 400ml facendo 49.48s e 50.51s respectivamente, sendo esta MMP para David. Ambos subirían ao podio ocupando os dous primeiros caixóns. Na mesma categoría, Hugo Suárez levaría a prata nos 1500m parando o crono no que sería mellor marca persoal para él, 4:08.86. Dúas posicións por debaixo de Hugo, Pablo Camescasse sería 4º quedando a un segundo de subir ao terceiro caixón e rexistrando 4:20.20. Tamén nos 1500m pero nunha categoría superior, Bilal Dahmouni sería 5º cun tempo de 4:20.96.

Pola parte feminina, Patricia Correa colgaba a medalla de bronce nos 400ml Sub23, proba na que se estreaba como velocista e demostraba que ademáis de lanzadora pode ter un futuro como velocista, xa que parou o crono en 1:04.90 e aínda con moito marxen de mellora. Da mesma maneira, Paula Del Alcázar facía un cuarto posto con 1:05.00 na mesma proba sendo MMP. Nos 800m Sub20, Clara Román rexistraba 2:27.02 quedando no 4º posto. Os 1500 da categoría Sub23 foron protagonizados por Ruth Carrera, quen levou o ouro marcando 5:08.41 no cronómetro.

«Campionato de Galicia de Probas Combinadas Máster – Sub20 – Sub18 en Pista Cuberta»

Xa en Ourense, 21 atletas se desplazaban ata a Fundación ExpOurense para competir nos seus galegos correspondentes. No eido feminino, participaron catro célticas. Todas elas terminaron subindo ao podio. A máis xoven de todas foi Carlota Salgado, quen segue sumando en cada competición. O domingo terminaba a súa actuación con 3293 puntos fixando así unha nova MMP, levándose a prata do pentatlón Sub18. Andrea Reija e Lucía Dopico, farían prata e bronce respectivamente na categoría Sub20, cunha puntuación de 2647 e 2465 puntos respectívamente. Xa no pentatlón Máster W40, Cristina Estévez sumaba 2813 puntos recollendo así outro ouro para a súa vitrina.

«LXIV Campionato de Galicia Sub18 / XLIV Sub20 – Sub23 en Pista Cuberta»

Seguindo coa «borracheira» de campionatos galegos. Neste autonómico tamén celebrado en ExpOurense, 17 foron os metáis acadados pol@s celestes.

Comezando polos concursos, Sergio Coello remataba a competición cheo de rabia xa que está en moi boa forma e non puido reflexalo. Só logrou facer un intento válido, ainda que suficiente, para liderar a proba de salto de lonxitude e levarse a medalla de ouro na categoría sub23. Foi nese único intento no que rexistrou 6,84m, sendo unha nova MMP para él. Na mesma proba e categoría, competiría Pablo Saá, concluindo en segundo lugar con 6,71m e quedando só a dous centímetros da súa mellor marca. Ademáis, Pablo tamén levaría a prata do triplo salto, ainda que por molestias no xeonllo no completou o concurso. Pola banda feminina, a saltadora Sub23 Uxía Paz faría doblete dourado nestas dúas probas. En salto de lonxitude saltaría 5,34m mentres, que no triple salto, rexistraba os seis intentos por riba da súa mellor marca persoal, sendo o máis curto de 11,61m e o máis longo de 11,78m.

Nos lanzamentos, Samuel Freiría subiría por segunda vez nesta fin de semana ao segundo caixón do podio na categoría Sub18 cun lanzamento de 12,72m co peso de 5kg. Nunha categoría superior, Miguel Granado e Eric Méndez quedarían primeiro e terceiro respectivamente con 15,15m e 11,93m no lanzamento de peso (6kg).

A velocidade foi a especialidade con máis participación céltica nesta fin de semana. Andrea Pais competiu nos 60ml, rematou co bronce e cunha marca que xa baixa dos 8 segundos por fin. Andrea rexistraba 7.93s sendo esta MMP. Tamén competíu nos 200m, parando o crono en 25.41s e levando desta maneira o ouro Sub23 e reflexando o seu gran estado de forma. Nos mesmos 200m, sairon á pista Paula Del Alcázar e Patricia Correa, que remataban a súa participación con 28.78s e 29.37s respectivamente, sendo 4ª e 5ª na categoría Sub23.

Por parte dos homes, Jorge Román alcanzaría outra prata, esta vez nos 200m, cun gran rexistro de 22.62s e seguido de preto por Erik Fernández cun tempo de 22.72s, sendo bronce Sub20. Erik tamén subiría ao terceiro caixón do podio nos 60ml, cunha marca de 7.28s. Tamén na categoría Sub20, Roi Martínez levaría a medalla de prata nos 60ml con 7.10s moi preto sa súa MMP, non foi quen de correr os 200m xa que leva case toda esta tempada con molestias físicas. Na categoría Sub20 tamén formou parte do campionato Manuel Rodriguez, loitou nos 60m valados, rematando nun segundo lugar cun gran tempo de 8.81 segundos.

Unha categoría por debaixo, o gran protagonista foi Martín Barcia, quen fixo doblete de ouro e reventou as súas MMP nos 60ml (7.19s) e 200m (22.84s). Martín está a demostrar unha evolución fantástica nestes último meses, sendo agora mesmo membro do Top10 no Ránking Nacional Sub18 en ámbalas dúas probas. Tamén nos 200m Sub18 competiron Adrián Mariño, que logrou clasificarse para a final e concluíu cun tempo de 24.57s quedando 5º e Martín Martínez que rematou a súa partipación cun rexistro de 24.94 segundos. Martín tamén formaría parte dos 60ml, no que terminaba cun tempo de 7.80 segundos. Mateo Rivas correría nos 60ml xunto con Martín e pararía o cronómetro en 8.14 segundos.

Foi unha fin de semana de moito campionato e participación céltica, unha locura de datos e boas sensacións. ¡Parabéns a tod@s!.