CARLOTA SALGADO, PRATA NACIONAL E ABANDEIRADA DA ESCOLA CELTA ATLETISMO

· Uxía Paz. Fotos: RFEA/Miguélez

A gran protagonista desta fin de semana foi Carlota Salgado. Voou ata a Pista de Gallur en Madrid para demostrar a súa tremenda calidade no «XXXIII Campionato de España Sub16 en Pista Cuberta». Despois de quedarse fora da súa especialidade por tan só 4 puntos, a nosa combineira competiu no salto de altura. Lonxe de amilanarse, presentouse na zona de salto con gañas e disposta a facer un bo concurso. E abofé que o fixo, nun intenso concurso, logrou alcanzar o segundo peldaño do caixón, mellorando en 10 centímetros a súa mellor marca persoal o que supuxo tamén, un novo Récord Galego. O listón quedouse nos 169cm, facendo que Carlota tamén se situase entre as 5 primeiras no Ránking Histórico do Feminino e entre as nove mellores marcas nacionais de sempre da categoria. Parabéns a Carlota e David Gómez, o seu adestrador, por este novo éxito.

Pola súa banda, outros 14 d@s nos@s canteiráns participaron o sábado no «XIII Campionato de Galicia Sub10 – Sub12 – Sub14 en Pista Cuberta» en ExpoOurense.

As primeiras en participar foron Olivia Gutiérrez e Laura Costas no salto de lonxitude Sub12 sendo en 7ª e 8ª respectivamente. Na mesma categoria, Sabela Álvarez remataría na 7ª posición no salto de altura. Por parte dos nenos, Mario Campos, gañaría a medalla de ouro no salto de lonxitude e a de bronce nos 60m. Martín Rodríguez, foi 5º no salto de lonxitude.

Na categoría inferior, Irene Méndez e Gabriela Sánchez foron as máis novas das nosas participantes neste campionato. Gabriela demostrou a súa valía nos 50m e posteriormente Irene daba facía un salto que a colocaría na primeira posición no salto de altura Sub10.

Pola parte dos Sub14, Martiño Salgado vaciouse nos 60m acompañado por Jesús Román, quen rematou os 60m en 5ª posición. Ademáis, Jesús subiriase ao podio como subcampión do salto de lonxitude. Nas mulleres, Alexandra Lence, terminou no 4º posto o lanzamento de peso e Claudia Castro facía saída nula nos 60ml na súa segunda competición da súa vida atlética. Valeria González competiu na lonxitude logrando a medalla de ouro cun rexistro de 4.88cm e minutos máis tarde participou nos 60ml sendo subcampioa galega. Nos 60 metros valados, subíronse ao podio Alejandra Prieto co ouro e Martina Gutiérrez co bronce. Posteriormente, cerrando o campionato, Martina quedaba na 5ª posición no salto de altura e Alejandra volveríase subir de novo a un caixón do podio para recoller a súa medalla de bronce no triplo salto.

Foron un total de 19 participacións e 9 medallas as acadadas por la nosa Escola, máis a prata que trouxo Carlota dende Gallur. Parabéns rapaces e adestradores, non parades de medrar.