MOI BOAS SENSACIÓNS

Seguimos repasando a actividade atlética d@s nos@s na nova normalidade. A pesar de ser os primeiros contactos co tartán, @s céltic@s acadarían resultados destacables nos distintos frontes competitivos.

O día 29 de xullo, os lanzadores célticos volveron a Vilanova de Cerveira a unha nova «Xornada de Lanzamentos». Tres vitorias célticas nesta xornada. Marcos Bouza liderou o lanzamento de disco, chegando ata os 45.78m, Eric Méndez gañaría o lanzamento de martelo de 5kg con 65.49m (MMP), Yago Araújo venceu no lanzamento de martelo de 6kg, alcanzando os 64.52m. Bos rexistros tamén no lanzamento de xavelina para os nosos, 54.18m para Jonathan Correa e 53.41 para Jonatas Pereira. No lanzamento de peso Miguel Granado chegaría ata os 14.53m, superando o seu rexistro da xornada do 22 de xullo.

Avolta á competición galega concentrouse en Pontevedra o día 7 no «I Control de Verán FGA» e o día 14 na «Festa do Atletismo Galego» organizada polo club Rías Baixas.

No primeiro encontro tivemos participación céltica en todas as disciplinas. Na velocidade, destacar os resultados de Pedro Juncal nos 100 e 200ml, parando o crono en 11.30s e os 22.08s, respectivamente; destacar tamén os rexistros da nosa Andrea Pais con 12.71s nos 100ml e de 26.07s nos 200ml. Nas vallas, boa actuación tamén de Xose Fernández, con 59.82s na volta completa á pista. No medio fondo, os 800 metros lisos realizáronse sen rúa libre para cumplir co protocolo COVID-19 da FGA, o que non impediu que Juan Núñez conseguise unha nova mellor marca persoal chegando á meta nun tempo de 2:00.96. No triplo salto, o mellor dos nosos foi Pablo Saa cun mellor salto de 13.74m.Por último, os lanzamentos, o sector con máis presencia céltica. No lanzamento de disco, vitoria para Samuel Freiría co disco 1.5kg chegando ata os con 38.93m, e vitoria tamén para Marcos Bouza, quen lanzaría o artefacto de 1.75kg ata os 47.84m. Por outra banda, os lanzadores de martelo da factoría Hermida seguen demostrando o seu estado de forma. Patricia Correa venceu no concurso feminino, lanzando o artefacto de 4kg ata os 44.82m, Eric Méndez logrou un rexistro de 60.28m co martelo de 5kg e Yago Araújo alcanzou os 62.69m co de 6kg.

Na segunda xornada en Pontevedra, destacar de novo a actuación de Pedro Juncal, que demostra o seu estado de forma tras o confinamento, correndo en 48.56s os 400ml. Na velocidade tamén, Andrea Pais melloraría o seu rexistro da semana anterior nos 100ml cunha marca de 12.69s. A nosa incombustible Emma Valencia volveu á competición nos 100mv, cun rexistro de 16.40s. Finalmente, no lanzamento de xavelina, Jonatas Pereira acadaría a vitoria cun lanzamento de 51.78m.

Contamos tamén con presenza céltica en Lavosice, na República Checa, do 14 ao 16 de agosto. Rubén Piñeira acudiu a esta cidade checa a un «Meeting Máster» organizado a nivel europeo con 21 países e competiu nas probas de 3km e 10km marcha. Demostrou o seu gran estado de forma tras a pandemia proclamándose campión en ambas probas. Cruzou a liña de meta en 12:56 nos 3km e en 50:46 nos 10km, porén no 10km houbo un erro no contador de voltas e faría unha de máis, polo que a marca non é representativa nesta distancia.

A próxima cita d@s nos@s será esta mesma semana no «Ourense Thermal Athletics Meeting 2020″.