ActualidadeAs crónicas

Digno final nas Ligas e 5 metais dos cadetes coa selección

Cumprindo co esperado e afianzados na zona noble da Primeira División. Os equipos absolutos do Celta Atletismo pechaban o pasado sábado coa III Xornada as súas participacións na LaLiga 4Sports eles e na Liga Iberdrola elas. Como guinda, os nosos cadetes triunfaban coa selección galega consolidando unha nova xeración céltica para seguir soñando co futuro:

  • As mulleres partían como a nosa punta de lanza cun 5º posto tras as dúas primeiras xornadas, soñando deste xeito cun Ascenso histórico en Alcorcón. Salvo algunhas baixas puntuais nas distancias máis longas, chegábase co equipo titular disposto a pelexar cada punto nun encontro moi igualado. Como era de esperar, chegarían as victorias parciais de Nediam Vargas (100) cuns sensacionais 11’54, Alice Finot nos obstáculos e Irene Gómez no martelo, destacando tamén os segundos postos de Olaia Becerril na lonxitude e Karolina Puchmertlova na xavelina. Soamente un pequeno pinchazo de Nediam na recta final do 4×100 impediu un novo rexistro notable no relevo. Finalmente, 6ª posición con 80 puntos, mellorando os resultados dos últimos anos pero lonxe do podio (máis de 100 puntos) e o ascenso acadado polas favoritas, o ISS L’Hospitalet e a Juventud Atlética Elche. Soamente o 5º posto das locais do Atletismo Alcorcón (81 pts) era posible.

    Foto de fin de tempada para o Femenino no seu gran ano. Enormes rapazas!

  • Os homes pola súa parte rendirían dentro do esperable na súa final de Salamanca. Nesta 3ª Xornada de LaLiga 4Sports acudían os 20 titulares sen presión e coa esperanza de dar a sorpresa. Comezaba moi ben a xornada coa única victoria de Nacho Fernández no martelo, consolidándose como o mellor especialista da categoría un ano máis. Despois de rozar os postos de podio, os segundos postos de Pedro Juncal (400) e Gonzalo Basconcelo (1500) ou os 3º de Iván Maceiras na lonxitude cuns antolóxicos 7’19 (+3’3v) e o capitán Fernando Paredes (peso). Finalmente serían 8º con 76pts, a media distancia de todos os clubes que dende o 3º do Atletismo Alcorcón (89pts) ata o 7º do Super Amara BAT UCAM Cartagena (83pts) protagonizaron a pelexa nos postos nobres.
  • Grazas ós seus rexistros nesta final de Liga, o Celta Atletismo pode ampliar a súa representación no Campionato de España Absoluto de Getafe (21 e 22 de xullo). Emma Valencia conseguía a mínima nos 100mv con 14’59. Pola súa parte, Pedro Juncal melloraba a súa marca dos 400m ata os 48’45, aumentando deste xeito as súas posibilidades de entrar repescado. Súmanse deste xeito ós Gonzalo Basconcelo, Nediam Vargas, Alice Finot Nacho Fernández.

    Bea Viteri e Emma Valencia, dúas ourensanas que remataron facendo súas as cores celestes!

  • Para ilusionarse de cara o futuro, a nosa canteira colleitaba uns resultados históricos en Gijón. A selección galega cadete acudía ó Campionato de España de Federacións Autonómicas Sub16 con 6 célticos, demostrando así a súa importancia nesta xeración. Eric Méndez (martelo 4kg) e Antía Sestelo (xavelina 500g) farían valer a súa condición de favoritos e líderes do ránking nacional para levarse o título de campións de España, cuns mellores lanzamentos de 63’98 e 45’67m respectivamente. Tamén nos lanzamentos e da Factoría Hermida chegaría a prata de Lara Tilve (martelo 3kg) cuns sensacionais 48’69 que lle meten na pelexa polos metais no seu nacional, consolidando a súa espectacular melloría este ano. Completarían as medallas célticas coa Irmandiña o dobrete de bronce de Jorge Román nos 300 e o 4×300, con 36’44 (marca persoal) e 2:27:39 (novo Récord Galego da categoría). Os outros célticos en liza sería Erik Fernández nos 100m e 4×100, tamén con marca persoal de 11’66 (8º) e 45’74 (6º); e David García no peso 4kg (12’42, 9º). En total, 5 metais e 2 récords galegos para os nosos canteiráns máis prometedores, axudando a Galicia a conseguir uns extraordinarios 4º posto masculino (a 7pts do podio) e 5º femenino.

    Os célticos comandando esta xeración de cadetes coas 5 medallas. Orgullo!

  • Deportividade e amizade por riba das rivalidades. En Salamanca vivíamos unha nova xornada exemplar cos nosos amigos do CD Surco Aventura cordobés, nos que se consagraban como campións absolutos da 1ª División Masculina, gañando os 3 encontros e logrando un segundo ascenso consecutivo de xeito histórico. O club demostrou tanto en Gandía en maio como agora un comportamento exemplar cos nosos. Un dos principais “culpables”, o seu presidente Diego de la Fuente que xa defendeu as cores célticas como atleta. Noraboa por ese Ascenso e ogallá que nos vexamos de novo pronto…na máxima categoría, a ser posible.

    Exemplo de amizade e valores co paso dos anos. Noraboa campións!

  • Tamén conseguirían a permanencia en 1ª División o CA Narón (homes) e a Sociedade Gimnástica de Pontevedra (mulleres) nas súas finais de Madrid Valencia. Deste xeito, o atletismo galego volverá a ter 4 equipos nesta categoría, facendo máis doado ter polo menos un encontro de Liga preto de casa. Unha cota que non puido ser ampliada co ascenso do CA Santiago que finalizaría 5º, pero que agardamos chegue algún día.
  • E xa en vacacións estivais para moitos dos nosos atletas, as competicións non paran. Pontevedra co XXIV Trofeo Cidade Pontevedra – XX Memorial Celso Mariño – IV Trofeo Froiz Braga acollerán probas este mércores con numerosa representación céltica.
  • Lembramos ademais que esta é a última semana para apuntarse no Campus de Verán Celta que organizamos a primeira quincena de xullo. Tedes toda a información neste post!

Un broche digno e cumprindo para as competicións de clubes deste ano e as primeiras medallas nacionais do aire libre. Veñen semanas moi intensas e que agardamos tan cheas de éxitos como as anteriores. Noraboa e a seguir!

Anterior post

Chega o "Campus de Verán Celta 2018"!

Siguiente post

4 medallas dos sub18 en Gijón e notable actuación das junior

1 Comentario

  1. […] Enlace con la noticia original: Digno final nas Ligas e 5 metais dos cadetes coa selección […]

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *