ActualidadeAs crónicas

Cara e cruz na Copa de Clubes de Ourense

Sabor agridulce na expedición céltica o pasado domingo á volta da XV Copa de Clubes en Pista Cuberta, celebrada no recinto de Expourense. A proba supoñía a primeira gran cita da tempada invernal, así como a estrea nas grandes competicións de clubes despois das altas e baixas do mes de novembro.  Tras o título feminino e o subcampionato dos homes na edición do 2018, as distintas condicións previas de cada equipo foron claves para o resultado final.

O Feminino Celta chegaba cunha condición de favoritas gañada tras proclamarse campionas galegas en Aire Libre e Pista Cuberta durante os dous últimos anos. Isto non fixo máis que animar a un plantel que acudía prácticamente co seu equipo titular a esta cita, e que foi quen de culminar unha remontada épica para levarse o título (79pts) ante unha mellorada SGP (78pts) e o equipo de División de Honra, o Ría Ferrol (72’5).

Elas brillan dende fai moito tempo con luz propia: o noso orgullo!

  • Claves neste novo ouro foron os cinco triunfos parciais das nosas, tres deles non cinco concursos: Eva Queimaño (altura, 1’56), Elvira Okutu (lonxitude, 5’12) e Beatriz Viteri (pértega, 3’60). Completaron a hexemonía nestas probas os segundos de Karolina Puchmertlova (peso, 10’92) e Uxía Paz (triple, 11’05).

    Saltos verticais e horizontais, velocidade, fondo…dominando todo o programa!

  • O relevo feminino no curioso formato de 4x3x2x1 lograba tamén a primeira praza, rebaixando en 13s a marca do ano anterior a 5:29:55. Desta vez formarían parte no mesmo A. Finot, Eva Queimaño, Laura Rosende e Andrea Pais, entrando cunha gran ventaxa sobre as súas competidoras e certificando o triunfo céltico.
  • Se houbo unha estrela con luz propia, esa foi Alice Finot. Decidida a gañar o 1.500 para o clube, correu «ao seu ritmo, sen mirar os tempos» como ela mesma asegurou despois. O que ninguén esperaba foron os tremendos 4:18:09 finais, a tan só nove centésimas da mínima para o Europeo Indoor de Glasgow. O seu obxectivo inicial era conseguir a mínima (4.26) para os Campionatos de Francia de Élite (Marsella, 16/17 de febreiro). Atrás queda a súa MMP en Aire Libre de 4.22, e é que agora Alice tentará pelexar por estar entre as mellores de Europa como céltica. O primeiro asalto, este domingo no Galego Absoluto.

    Elas pasáronno tan ben correndo como nós mirando o 4x3x2x1!

  • O segundo posto de Andrea Pais nos 200m supón a mínima para o Nacional Indoor sub23 (Salamanca, 9/10 de febreiro). Olaia Becerril volvía a acadar a mínima no 60m para o Nacional Indoor Sub20 (Madrid, 2/3 de marzo).
  • A única nota negativa da xornada protagonizouna Ruth Carrera, quen debido a unhas molestias na última volta viuse obrigada a abandonar no 800. A mediofondista xa conta coa mínima para os campionatos sub20 tanto en Pista Cuberta como Aire Libre (Granollers, 6/7 de xullo) nos 1.500m dende finais de novembro (4.58.04), sendo unha das mínimas máis tempraneiras da nosa historia.
  • Entre os rostros de satisfacción ó término da proba, destacaba ó da presidenta -e delegada nesta ocasión- Paula Mariño. A exatleta suma un novo éxito coas rapazas nun palmarés que, dende que asumiu a presidencia do Feminino en 2014, só pode calificarse de excelente. «É o premio da aposta pola casa«recoñecía hai un mes nunha entrevista, logo de ser o mellor equipo galego 2018 según o ránking RFEA.

Os homes pola súa banda, a súa condición de subcampións o ano pasado pesáballes moito neste proceso de renovación xeracional que está vivindo o equipo masculino. Nunha convocatoria na que mesturábanse máster, debutantes e atletas que aínda están lonxe da súa mellor versión; a prudencia invitaba a pensar nunha axustada pelexa no podio contra o CA Narón (72’5pts) CA Santiago (68),mentres que a Sociedade Gimnástica de Pontevedra (88pts) partía como favorita indiscutible. Finalmente foi só medio punto ó que separou ós nosos dunha traballadísima terceira posición que marchou para Compostela, sendo os dous equipos norteños rivais moi potentes e que seguro repetirán bos resultados no aire libre.

Veteranía e mocidade nun mesmo equipo cunha mesma mensaxe: queda moita guerra por dar!

  • Dentro dunha actuación irregular, destacaron de xeito sobresaínte dous primeiros espada xa consagrados. As únicas vitorias parciais foron para Adolfo Sainz-Maza (altura, 1’95) e Alberto Elena Corbal (triplo, 14’66) quen ademais lograba deste xeito a súa mellor marca de sempre.
  • A veteranía tirou do carro tamén cos segundos postos Gonzalo Basconcelo (1500, 4:10:61) e Fernando Paredes (peso, 13’45), así como os terceiros dun inesgotable Miguel Gómez (60), Miguel Cajaraville (pértega) e o relevo Gonzalo Basconcelo-Manu Ageitos-Pablo Fortes-Miguel Gómez.
  • O relevo xeracional -e debut co equipo absoluto- tamén estivo moi presente. O canteirán Jorge Román tomou a alternativa no 400 cun gran 4º posto e 52’21, sendo marca persoal. No 3000 sería o pontevedrés Hugo García -triple campión de España o ano pasado como cadete- quen remataría 5º en 8.57.36, rebaixando a mínima Nacional sub20 Indoor (Valencia, 9/10 de marzo) Aire Libre (Castellón, 22/23 de junio) que xa conseguira o día 5 no Torneo de Reis de Pontevedra. Dous novatos que seguro que darán moito que falar este ano.

    Os tres novatos despois da súa primeira participación como célticos. Nin os Dalton!

  • Moito máis amargo foi o debut doutra das nosas altas e un novato que xa sabe o que é ser medallista nacional. David Ngwudile pagaba ós nervios ó saír á pista para a saída dos 200, realizando unha saída nula que lle impediría poder puntuar para o clube. Despois de abandoar o anel chorando e visiblemente afectado, recoñecía que «si fuera en una competición individual me daría igual, pero hoy era para el equipo». Máis tranquilo e despois de recibir o agarimo da expedición celeste, recoñecía que «pese haberla cagado, me llevo una experiencia genial y tengo más ganas de correr que nunca», asegurando que «ahora la cosa solo puede ir a mejor». Con esa actitude, ten claro que si David.
  • Sensación atípica foi a que debeu sentir o noso capitán o domingo ó término da competición. Por primeira vez en moitos anos, Fernando Paredes non subía a recoller un trofeo ao podio dunha proba de clubes. Sempre sereno e sensato, Triki era o primeiro en valorar os resultados na nosa zona mixta particular. Según o lanzador moañés, «o podio escaopuse en pequenos detalles, como a mala sorte na pértega ou no 200», malia que para el a actuación dun equipo tan novo era «boa e con proxección». O capitán, curtido xa en mil batallas, deixaba claro que a guerra este ano non rematou: «o que importa son as Ligas, e aí vaise mirar o noso potencial». Como para levarlle a contraria.

Os nosos estiveron acompañados  por un destacado reximento de atletas, familiares e outros membros da familia céltica que non se querían perder esta primeira competición do Celta Atletismo no 2019.

O inverno xa chegou -como anunciábamos nas nosas redes sociais- e nesta Copa o vaso estivo medio cheo medio vacío á vez. A próxima cita, este domingo 20 tamén en Ourense co Campionato Galego Absoluto e Promesa en Pista Cuberta. Alí estaremos.

Anterior post

O Celta Atletismo aumenta a súa representación na FGA

Siguiente post

Comunicado do clube: O peche de Balaídos

Sin comentarios.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *