ActualidadeAs crónicas

5 medallas nacionais dos lanzadores e o futuro asegurado coa canteira

Anticipábamos na previa do venres que os atletas máis novos terían este fin de semana o protagonismo, pero nin nos nosos mellores desexos imaxinábamos un panorama así. 7 metais nacionais e unha nova mínima, así como unha gran actuación das rapazas sub18 e sub20 no seu Galego. Aquí tedes a crónica dunha fin de semana na que a nosa canteira demostrou que o futuro é seu!

  • Os lanzadores foron os protagonistas absolutos co seu sensacional Campionato de España de Lanzamentos Longos para Menores en CastellónEric Méndez despexaba toda dúbida despois dos primeiros nulos no martelo sub16 cun lanzamento de 58’32, que lle valdría para o ouro e convertise no 1º campión de España da Escola Celta Atletismo. No mesmo concurso, David García conseguiría o bronce con 55’71, outra marca sensacional para o discípulo de Javier Viñas. Na mesma matinal do sábado Irene Gómez lograría a prata do martelo sub18 malia ser de primeiro ano con 57’37; nun concurso no que a súa compañeira de adestramento Patricia Correa conseguiría o 6º posto. Nesa tarde Antía Sestelo continuaría a racha co bronce da xavelina sub16 e os seus 38’84; pechando o medalleiro o internacional Nico García no disco sub18 na mañán do domingo coa súa prata 53’27. Completarían a actuación céltica Lara Tilve (7ª no martelo sub16) e Mar Pérez (8ª no disco sub20). Os nosos 8 atletas supoñían a metade dos galegos e conseguiron ata 5 dos 8 metais dos mesmos, consolidando a nosa canteira de lanzamentos como a mellor de Galicia.
  • Tamén na Comunidade Valenciana pero en Burjassot os nosos marchadores non quixeron ser menos. No seu Campionato de España de Marcha en Ruta por Federacións, Iria Rivas situou de novo o seu nome entre as mellores da categoría alzándose coa prata a nivel individual na sub18 e comandando á selección galega sub20 que se proclamaría campiona de España. Brais Prieto faría o propio cos rapaces sub20, valéndolle un gran 6º posto na individual e un 4º con medalla de chocolate coa galega, pechando o seu ciclo con esta selección. No mesmo circuito, Jose Fernández Nieves proclamouse campión de España na categoría M-35 nos 20km, dentro do Campionato de España Máster de Marcha. 3 metais e unha actuación coral notable para os nosos marchadores de cabeceira.

    Jose Fernández Nieves non entende de veteráns e segue a pleno rendemento, enorme!

  • 17 atletas desprazáronse de novo ata Expourense para o Campionato Galego sub18 e sub20 de Pista Cuberta onde houbo unhas grandes protagonistas: elas. Capitaneados por unha sensacional Eva Queimaño (3 ouros en lonxitude, altura e vallas sub20) e que buscará repetir éxito na mesma pista o finde que vén no seu nacional; as rapazas sumaron as 10 medallas célticas na xornada so sábado. No mesmo nacional estarán presentes as tamén campionas galegas Andrea Pais (400 sub20) e Lucía Cardesín (800 sub 20 e un bronce no 400); conseguindo o sexto ouro Olaia Becerril na lonxitude sub18 demostrando que a súa temporada despega de forma firme. Completaron o medalleiro coas súas pratas Ana Juncal na pértega sub20 e Uxía Paz co doblete en lonxitude e triple, sobrepasando nesta última por fin a barreira dos 11 metros. No mesmo campionato, Lucía Dopico conseguiría a mínima para o Nacional sub16 (Antequera) nos 60mv, participando fóra de concurso. Unha actuación global con numerosas marcas persoais e demostrando o enorme peso desta xeración (1999-2001) dentro do clube, especialmente no femenino.

    A foto de familia en Ourense despois da competición, co presidente Serantes apoiando o futuro!

  • Ó día seguinte e no mesmo recinto os máis novos da Escola Celta Atletismo terían o seu turno no XI Campionato Galego sub10, sub12 e sub14 de Pista Cuberta. O balance final saldouse con 22 participacións (4 benxamíns, 13 alevíns e 5 infantís) e 6 medallas: As dúas pratas de Carlota Salgado (lonxitude e 500 sub14), a do seu irmán Martiño Salgado (500 sub12) e as de Valeria González (lonxitude sub12) e Mario Campos (50 sub10); xunto coa prata de Juan González na lonxitude sub14. Unha morea de metais, marcas persoais e alegrías para os máis novos do clube.

Sara Portabales e Manu Ageitos cos seus atletas da Escola

  • Na matinal do venres disputouse na Escola Naval Militar de Marín o tradicional Encontro Armada Española-Combinado Galego, onde o Celta estivo representado. O máis reseñable sería á volta de Kevin Barcia á competición 8 meses despois da súa lesión cun 200 no que remataría terceiro, por detrás do incombustible -e profesor na mesma Escola- Miguel Gómez. Ambos participarían tamén nos relevos 4×100 e 4×4000, completando a representación celeste Víctor Pérez no lanzamento de peso.

    Nun entorno tan privilexiado como a Escola Naval, Miguel e Kevin defenderon ó combinado galego á altura que un céltico merece.

Felicitar ós lanzadores e marchadores pola súa sensacional actuación no seu nacional e que tivo alcance na prensa e por extensión ós seus adestradores. Xunto coas rapazas do equipo sub20 e a nosa Escola, o futuro está máis que asegurado!

Anterior post

A previa 23/02: Os nosos lanzadores máis novos a polas medallas en Castellón!

Siguiente post

#undosnosos: Comeza a campaña de socios 2018!