ActualidadeAs crónicas

2 medallas de chocolate, homenaxe a Estanislao Durán e Fran Pérez a nivel mundial

5 campionatos de España e un mundial para comezar marzo e ir despedindo a temporada de inverno. Na fin de semana de estrea da nosa campaña de socios os célticos volveron a demostrar que están entre os mellores do atletismo nacional:

  • Co foco posto no recinto de Expourense, as nosas júnior saltaban á pista do Campionato de España sub20 indoor buscando deixar ben á representación galega, aproveitando que xogaban en casa. Eva Queimaño viviu unha xornada maratoniana no sábado. Na súa participación no Pentatlon remataría nunha amarga 4ª posición e 3.364pts (9.34-1.57-9.39-5.29-2:29.98), quedando a tan só 110pts do ouro despois de non ter o seu mellor día nas vallas e a altura, proba na que na xornada do domingo remataría en 14º posto con 1’54. Andrea Pais comezaría tamén o sábado no 200 a súa pelexa por un posto na final. Comezaría impoñéndose con comodidade na Ronda 1 (25’54) na súa serie e pasando nas semifinais en 2º posto con 25’34. Na final B, remataría tamén en 4ª posición con 25’31, logrando a súa mellor marca persoal. Lucia Cardesín completaría a actuación céltica cunha gran semifinal no 1500 (4:59:85) que lle valeu o 12º posto, mellorando sensiblemente a posición das listas de saída. Bo cómputo global para a nosa xeración sub20, chamada a facer grandes cousas no Aire Libre.

    Andrea e Eva despois de competir o domingo en Ourense. A resacirse no Aire Libre!

  • O Campionato de Ourense serviu para homenaxear a unha lenda celeste como Estanislao “Estanis” Durán. O fondista moañés do noso clube proclamouse dobre campión de España en 1973 (800 e 1500) no, ata este ano, último nacional baixo teito desputado en Galicia, na pista de Riazor. Estivo acompañado polo noso presidente e tivo a oportunidade de entregar medallas e recibir a ovación do público, aínda que todo xesto é pouco para un dos mellores atletas e persoas que vestiron a celeste na nosa historia.
  • Salamanca volveu a ser protagonista, desta vez co Campionato de España Máster cunha exitosa participación dos nosos veteráns. Miguel Gómez (M35) conseguiría o ouro nos 200 (22’82) e a prata no 60 (7’16), conseguindo Emma Valencia (W35) a outra medalla de ouro nos 60mv (9’09). Juan Bello (M40) lograría outro segundo posto na pértega (3’58) e Fernando Paredes (M40) e Cristina Estévez (W40) completarían os metais con dos bronces no peso (13’32) e Péntatlon (3.018). 6 medallas en total, 3 de cada cor; que son o mellor aval de que os nosos veteráns seguen dando guerra.
  • Non tivo o seu mellor día outro ilustre veterano. Nacho Fernández remataba a súa actuación en Montijo no Campionato de España de Inverno de Lanzamentos Longos con 3 lanzamentos nulos. Seguro que no na tempada de Aire Libre quitará esa espina, ánimo Nacho!
  • En Murcia debutaban coa selección galega dous dos nosos valores máis destacados da Escola Celta Atletismo: Hugo Suárez (21º) e Pedro Vázquez (29º) contribuiron en boa parte ó 4º posto de Galicia na carreira sub16. Agardamos que sexa a primeira de moitas rapaces!

    Sempre de azul, moi grandes Pedro e Hugo!

  • E dando o salto internacional, un atleta céltico fixo historia. Fran Pérez desprazouse ata Normandía ós Campionatos do Mundo Indoor da ISAD onde foi nomeado o mellor atleta masculino despois dunha sensacional actuación, con nada máis e nada menos que 6 metais: 3 ouros (Lonxitude, Combinadas e 4×200) e 3 pratas (Vallas, pértega e 4×400). Unha vez máis, tremendamente orgullosos de contar con Fran no noso equipo -tamén é atleta do Club Playa de Samil de discapacitados- e de velo participar deste xeito a nivel mundia. A seguir Franchu!

    Non lle da o pescozo para tanto metal. Enorme Fran!

  • E incluso os máis cativos da Escola tiveron oportunidade de medrar nunha nova competición. Desta vez, tocou no cross do Colexio Monterrey, acompañados coma sempre por Sara Portabales.

Parabéns a todos polos resultados. A semana que vén, penúltima proba da pista cuberta co Nacional sub18 en Antequera e algunha sorpresa antes da previa.

Anterior post

A previa 02/03: Campionatos por todo o leste e Murcia

Siguiente post

A previa 09/03: Recta final da Pista Cuberta!