ActualidadNoticias

Epílogo invernal.

Os días cada vez máis longos, a subida do mercurio e as flores… claramente o inverno está chegando ao seu fin, e con este tempo chegan as derradeiras competicións indoor e de campo a través.
A primeira cita da fin de semana será en Sabadell, onde os nosos viaxarán para competir no Campionato de España Xuvenil de Pista Cuberta. Será cousa do destino, pero nesta semana na que celebramos o día da muller traballadora, só podemos presumir de que a expedición céltica en Sabadell é integramente feminina, conformada pola recentemente internacional Eva Queimaño en pentathlon, Olaia Becerril en lonxitude e 60m, Ruth Carrera nos 800m e Mar Pérez no peso.

Olaia Becerril doblará lonxitude e 60m. Foto: Luis Tojal.

Sen saír do tartán, esta fin de semana tráenos o Campionato de España de Veteranos en Pista Cuberta e, como non podía ser doutra forma, a nosa elástica estará ben representada. Miguel Gómez en 60m e 200m, Fernando Paredes no peso, José Fernández en 3000m marcha, María José Sanromán en peso e Emma Valencia en 60m e 60m valados serán os célticos presentes no polideportivo madrileño de Gallur.

Paredes buscará outra nova medalla no peso. Foto: Luis Tojal.

Trocando a pista polo barro, diriximos a mirada cara Xixón, onde o próximo domingo vaise disputar o Campionato de España de Campo a Través. Gonzalo Basconcelo e Celia Pérez foron seleccionados para representar a Galicia, onde tamén estará o seu mister Manuel Martínez en calidade de adestrador. As dúas probas serán retransmitidas por Teledeporte a partires das 13:30h.

Celia Pérez e Gonzalo Basconcelo representarán a Galicia. Foto: A. Juncal.

Por outra banda, os nosos pequenos viaxan a Vilalba, a capital da Terra Chá, onde Hugo Suárez, Pedro Vázquez e Alejandra Prieto competirán no Campionato Galego de Cross Escolar.

E para rematar, ata Praga (República Checa) viaxou co Combinado Nacional INAS o noso sempre querido Francisco Pérez. Tomará parte nas probas de triplo salto, lonxitude, pértiga e 60m valados. Seguro que traerá con él algunha medalla e marca persoal, por gañas e ilusións non será. Destas últimas vai sobrado.

Deixámosvos ata o luns, para contarvos o que esta atarefada fin de semana nos deparou.

Anterior post

Alegrías en Pombal, Valencia e El Hierro.

Siguiente post

Eva está que "Queima-ño". Fin de semana de ensoño, con 8 metais nacionais.