ActualidadNoticias

Brais Prieto o noso mellor Junior en Granollers.

Arrincamos a semana despois duns días cargados de competicións, das que o Campionato de España Junior foi a principal atracción, seguido das diferentes probas e controis.

Brais Prieto foi o noso mellor Junior en Granollers.

Granollers, Campionato de España Junior, onde un total de seis célticos pelexaron por estar cos mellores da súa categoría. Brais Prieto volveu ser protagonista ao facerse coa medalla de chocolate nos 10km marcha, despois de ir terceiro durante gran parte da proba tívose que conformar cun meritorio 4º posto. Andrea Pais tamén tivo unha moi boa actuación conseguindo meterse na final do 200m, na que despois dunha boa saída, tivo que levantar o pé a falta de 50m por mor dunhas molestias musculares que a relegaron ao 8º posto. Laura Santos, unha vez conseguido o seu pase á final do 1.500m, rematou sendo 11º nunha típica carreira táctica. Elvira Okutu non conseguía pasar á mellora na lonxitude, quedando 10ª cun mellor salto de 5.04m. Raquel Arias pasaba a primeira ronda no 100m cuns 12,48s ventosos, pero non logrou meterse na final. Por último, Luis Del Río quedaba fóra da final do 800m, pero preto da súa MMP.

Miguel Cajaraville cada vez máis preto dos 5m. Foto: L. Tojal.

Nas competicións locais, os principais protagonistas foron dous homes da casa. A primeira boa nova veu da man de Pedro Juncal, que o venres en Pontevedra corría un 200m parando o crono en 22.24s o que supón MMP. Xa o sábado en Balaídos, o noso pertiguista Miguel Cajaraville revasaba o listón en 4,72m, conseguindo MMP e colocarse primeiro no Ránking Galego.

Os nosos xa quentan motores para o Campionato Galego Absoluto do vindeiro sábado en Pontevedra.